Hasta la "manzana" siempre !

Hoxe faleceu Steve Jobs. A morte resulta ser ao final igualadora e redentora ao mesmo tempo.

Unha oleada de condolencias e crespons negros alimentan o mito do ideólogo de Apple, unha morea de historias e historietas de quen foi, sen dúbida, unha das grandes figuras para as novas tecnoloxías. Steve naceu en Silicon Valley, un lugar no seu tempo cheo de perais e maciñeiras. Todo aquilo foi convertido en oficinas e fábricas das empresas de alta tecnoloxía máis punteiras no mundo... como nunha paradoxa, como se dunha visión se tratara... o futuro construiuse sobre un obsoleto pasado, o dos campos de froita.

Os fillos do presente chamarán mazá a un logo incandescente detras dun tablet, e non coñecerán outra realidade. Igual que o 11S é o día dos avións e das torres, e non o día, por exemplo, no que en 1973 era asasinada a democracia en Chile, na figura de Salvador Allende.

Morreu Fleming, faleceu Graham Bell, din... como nunha paradoxa, os "chismes" de Esteve serven hoxe para consultar as novas da súa morte. Xa non quedan mazás vivas en Silicon Valley, ningunha cousa interesante ao que incarlle o dente.

Correndo polo paseo de A Coruña, unha aplicación do E-Phone infórmame da distancia, mídeme as pulsacións, dime as calorías que consumo, a velocidade rexístrase por GPS, podo grabar o percorrido e incluso un programa me pon a música deportiva máis axeitada para o meu ritmo cardiaco, seica nada diso sería posible se Steve non o tivera soñado algún día.

Seica, poño en dúbida que todo iso sexa en realidade máis interesante para moitas, que incarlle o dente a unha mazá... pero das de verdade.

Adeus Steve, hasta sempre.